A CORESMA
A Coresma é o tempo litúrxico de conversión, que marca a Igrexa para
prepararnos á gran festa da Pascua. É tempo para arrepentirmos dos nosos
pecados e de cambiar algo de nós para ser mellores e poder vivir máis preto de
Cristo.
A Coresma dura 40 días; comeza o Mércores de Cinza e termina antes da Misa
da Cea do Señor do Xoves Santo. Ao longo deste tempo, sobre todo na liturxia do
domingo, facemos un esforzo por recuperar o ritmo e estilo de verdadeiros
crentes que debemos vivir como fillos de Deus.
A cor litúrxica deste tempo é o morado que significa loito e penitencia. É
un tempo de reflexión, de penitencia, de conversión espiritual; tempo de
preparación ao misterio pascual.
Na Coresma, Cristo convídanos a cambiar de vida. A Igrexa convídanos a
vivir a Coresma como un camiño cara a Xesucristo, escoitando a Palabra de Deus,
orando, compartindo co próximo e facendo obras boas. Convídanos a vivir unha
serie de actitudes cristiás que nos axudan a parecernos máis a Xesucristo, xa que
por acción do noso pecado, afastámonos máis de Deus.
Por iso, a Coresma é o tempo do perdón e da reconciliación fraterna. Cada
día, durante toda a vida, habemos de arroxar dos nosos corazóns o odio, o
rancor, a envexa, os celos que se opoñen ao noso amor a Deus e aos irmáns. En
Coresma, aprendemos a coñecer e apreciar a Cruz de Xesús. Con isto aprendemos
tamén a tomar a nosa cruz con alegría para alcanzar a gloria da resurrección.